Thomas Andrews (construtor naval)
Nome orixinal | (en) Thomas Andrews Jr. |
---|---|
Biografía | |
Nacemento | 7 de febreiro de 1873 Comber, Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda |
Morte | 15 de abril de 1912 (39 anos) RMS Titanic |
Causa da morte | afogamento |
Residencia | Condado de Down |
Educación | Royal Belfast Academical Institution (en) |
Actividade | |
Campo de traballo | Construção naval (pt) |
Ocupación | arquitecto naval, empresario |
Familia | |
Cónxuxe | Helen Reilly Barbour (1908–) |
Fillos | Elizabeth Law Barbour Andrews |
Pais | Thomas Andrews e Eliza Pirrie |
Irmáns | J. M. Andrews |
Cronoloxía | |
14 de abril de 1912-15 de abril de 1912 | afundimento do RMS Titanic |
10 de abril de 1912-15 de abril de 1912 | viaxe de inauguración do RMS Titanic |
Thomas Andrews Jr., nado o 7 de febreiro de 1873 en Comber (no condado de Down) e finado o 15 de abril de 1912 no océano Atlántico, foi un deseñador e construtor de barcos irlandés-británico. Andrews é principalmente coñecido por deseñar, xunto con Alexander Carlisle, os buques da clase Olympic, á cal pertencía o RMS Titanic, barco tristemente famoso polo seu naufraxio.
Traxectoria
[editar | editar a fonte]Primeiros anos
[editar | editar a fonte]Thomas Andrews, Jr. naceu na pequena cidade de Comber, no Condado de Down, Irlanda, o día 7 de febreiro de 1873. Era fillo de Thomas Andrews e Eliza Pirrie, que casaran tres anos iñantes.[1]
El tiña un irmán máis vello chamado John Miller, dous irmáns máis novos chamados James e William, e unha irmá máis xove chamada Eliza.[2] A través de súa nai, era sobriño de William Pirrie, principal accionista e presidente dos estaleiros de Harland and Wolff en Belfast, Irlanda do Norte.[3] A familia Andrews desempeñaba un papel importante na vida da cidade, tendo varios membros distintos a través das xeracións. O seu devanceiro John Andrews levantou e comandou unha patrulla de voluntarios durante os tumultuosos anos de 1779–82. Outro John Andrews creou a empresa téxtil John Andrews & Co.[4] Dita empresa chegou a empregar preto de seiscentos traballadores, existindo en Comber até o día de hoxe.[5]
Andrews, chamado "Tom" pola súa familia, foi educado até os once anos de idade por un profesor particular. John Miller afirmou que o seu irmán sempre foi particularmente consciente da sorte que tiña de nacer nunha familia rica. Andrews foi descrito como un neno enérxico, valente e amábel, e seus pais afirmaron que "nunca nos causou ansiedade en ningún intre da súa vida".[4]
En 1884, Andrews entrou na Real Institución Académica de Belfast, onde seu pai e seu tío tamén estudaran. Andrews non foi un alumno excepcional, mais destacou nos deportes, especialmente en hípica e crícket. Agasallaronlle un poni Shetland nun dos seus aniversarios e cando era xove saía a montar a miúdo. O crícket era unha tradición familiar para os Andrews, xa que a familia fundou o North Down Cricket Club en 1857 e proporcionou o terreo onde o equipo xoga dende entón.[6]
Harland and Wolff
[editar | editar a fonte]Thomas Andrews deixou a escola en maio de 1889 aos dezaseis anos de idade para ir traballar nos estaleiros de Harland and Wolff como aprendiz.[1] Seus pais tiveron que pagar cen guineas (105£) para custear a educación do seu fillo,[7] un valor equivalente ao prezo de tres camarotes de terceira clase nun navío de pasaxeiros na época. Era un traballo difícil, dificultado aínda máis porque seu tío William Pirrie decidiu non facer favoritismo co seu sobriño. Andrews ascendeu dentro da empresa grazas ás súas habilidades e esforzos.[8]
Thomas Andrews continuou a traballar cos enxeñeiros despois do seu período de aprendizaxe, realizando diferentes funcións entre 1896 e 1900. El axiña se converteu en director de exteriores e responsábel do departamento de arranxos. Andrews supervisou a reconstrución do SS Chine, que sufrira un accidente en Perim (Iemen), e do SS Paris, que encallara nalgunhas rochas somerxidas ao longo de Cornualla. Andrews tamén traballou na expansión do SS Scot e o SS Augusta Victoria, cortándoos pola metade e inserindo unha sección totalmente nova.[9]
Após sucesivos anos de ascensos, Andrews en 1901 converteuse en membro do Instituto de Enxeñeiros Navais.[3] En 1904 foi nomeado subdirector da oficina de debuxo técnico e ao ano seguinte foi ascendido a director executivo de Harland and Wolff. Andrews arestora era responsábel do deseño e a supervisión de todos os barcos do estaleiro. Entón tiña só 32 anos de idade e trece anos de experiencia no eido naval. Andrews traballou en varios buques dende 1899 até 1912; moitos pertencían á White Star Line, como o RMS Celtic, o RMS Cedric, o RMS Baltic, o SS Laurentic, o SS Megantic e o RMS Adriatic.[9] En particular, traballou nos arranxos do SS Suevic. O barco fora construído en 1901 e acabou batendo contra rochas en 1907; a White Star quería aforrar diñeiro e tratou de recuperalo en lugar de simplemente despezalo. Porén, para ceibar ao Suevic, os equipos de rescate tiveron que cortarlle a proa. Harland and Wolff terminou recibindo o contrato para arranxar o barco, e Andrews fíxose cargo dos proxectos. Foi a operación de reconstrución naval máis grande da historia até ese intre e unha enorme fazaña técnica, xa que o buque estivo listo para o servizo 18 meses despois, en 1908.[10][11] Á parte de traballar nos barcos da White Star Line, tamén traballou en barcos pertencentes a outras compañías como a Holland America Line, a Aberdeen Line e a Red Star Line.
Andrews e outro enxeñeiro chamado Alexander Carlisle (quen era o cuñado de Pirrie) foron os encargados do plan e da construción do famoso transatlántico RMS Titanic, ademais dos seus dous irmáns, propiedade da compañía White Star Line: o RMS Olympic e o HMHS Britannic. Cando Carlisle se retirou en 1910, Andrews ficou á cargo de rematar os deseños do Titanic e o Britannic.
RMS Titanic e falecemento
[editar | editar a fonte]Ao igual que fixo co xemelgo Olympic e outros buques construídos por Harland and Wolff, Thomas Andrews viaxaba a bordo do Titanic durante a viaxe inaugural cando chocou contra un iceberg o 14 de abril de 1912 ás 23:40 e foi unha das 1.500 persoas que perderon a vida no naufraxio.
Andrews percorreu incansabelmente os corredores do Titanic durante o naufraxio para asegurarse de que ninguén ficase nos camarotes e que todos os pasaxeiros se puxesen un chaleco salvavidas e fosen á cuberta de botes o máis rápido posíbel.[12]
Segundo algunhas testemuñas, Andrews foi visto por derradeira vez ás 2:10 h (dez minutos iñantes de que o Titanic afundise totalmente) fronte á lareira, mirando a pintura Arrival at Plymouth Harbour de Norman Wilkinson na sala de fumadores de primeira clase, aparentemente en estado de shock, sen facer ningún intento para salvarse a si mesmo. O enxeñeiro acabou morrendo no naufraxio aos 39 anos de idade, e o seu corpo nunca foi atopado.[13][14]
Vida persoal
[editar | editar a fonte]Casamento
[editar | editar a fonte]Thomas Andrews casou o 24 de xuño de 1908 con Helen Reilly Barbour, filla máis nova de John Barbour Doherty e Elizabeth Law. Helen nacera o 10 de abril de 1881 en Warwick, Inglaterra. Como a familia de Andrews, o pai de Helen dirixía unha empresa especializada na produción de panos de liño chamada Barbour & Sons no condado de Antrim, Irlanda.[15]
A parella pasou a súa lúa de mel en Suíza, indo vivir deseguido no nº 20 da Avenida Windsor en Belfast, nunha casa construída polo propio Andrews, chamada Casa Dunallan. O lugar posteriormente converteuse na sede da Asociación Norteirlandesa de Fútbol, cunha placa azul conmemorativa que foi instalada na fachada noventa anos despois do naufraxio do Titanic por John Andrews, sobriño de Thomas Andrews, para indicar que o enxeñeiro vivira alí.
Helen Andrews deu a luz a súa primeira filla o 27 de novembro de 1910. Ela foi chamada Elizabeth Law Barbour Andrews, porén seu pai alcumouna "Elba" por mor das súas iniciais.[15] Algunhas semanas iñantes do nacemento de Elba, Andrews levou á súa esposa para pasear polos estaleiros de Harland and Wolff durante a noite para observar o cometa Halley.
Após o naufraxio
[editar | editar a fonte]James Montgomery, un curmán da familia en Nova York, enviou un telegrama ao pai de Andrews o 19 de abril de 1912 informando que conseguira falar con algúns sobreviventes do Titanic: "Entrevistei aos oficiais do Titanic. Todos unánimes en que Andrews foi heroico até a morte, pensando só na seguranza dos outros". A mensaxe foi lida en presenza de toda a familia en Belfast. Helen Andrews recibiu varias cartas de condolencias, incluíndo unha de Joseph Bruce Ismay en maio de 1912:[16]
“ |
30 James Street, Liverpool, 31 de maio de 1912. Apreciada Sra. Andrews, perdoeme por entrometerme no seu luto, porén sinto que teño de escribirlle unha carta para expresar a miña máis profunda e sincera simpatía con vostede na terríbel perda que sufriu. É imposíbel para min expresar con palabras todo e que sinto, ou facerlle entender canto o sinto moito por vostede, ou como o meu corazón está con vostede. Eu coñecía o seu marido había moitos anos, tiña o maior respecto por el e víao como un verdadeiro amigo. Ninguén que tivo o prazer de coñecelo non podería entender e apreciar as súas innumerábeis calidades e a súa falta será sentida profundamente na súa profesión. Ninguén fixo máis para a White Star Line, ou foi máis fiel aos seus intereses que o seu bo marido, e eu sempre tiven a maior confianza nos seus xuízos. Se nós sentimos a falta del e sentimos a súa perda tan profundamente, non consigo imaxinar cales son os seus sentimentos. Palabras en tales momentos son inútiles, porén non podía deixar de escribirlle para dicir como sinto moitísimo a súa dor e luto. Atentamente, Bruce Ismay. |
” |
Andrews deixou unha herdanza de 10.615 libras esterlinas e 11 xilins para a súa esposa e filla, unha cantidade considerábel para a época.
Helen Andrews casou novamente o 8 de febreiro de 1917 con Henry Pierson Harland, con quen tivo catro fillos: Albert, Evelyn, Louisa e Ethel Vera. Pierson tamén traballara como aprendiz en Harland and Wolff en 1893, na mesma época que Thomas Andrews. Helen morreu o 22 de agosto de 1966, non moi lonxe da Casa Dunallan.[15] Elizabeth Andrews era moi nova na época do naufraxio do Titanic e así nunca formou lembranzas de seu pai. Ela nunca casou, porén converteuse na primeira muller de Irlanda do Norte en conseguir unha licenza de piloto. Elizabeth participou no esforzo de guerra na segunda guerra mundial, indo traballar en seguida con xirafas en Kenya. Ela volveu a Irlanda en 1973, morrendo pouco despois o día 1 de novembro, nun accidente de coche.[17]
Legado
[editar | editar a fonte]Homenaxes
[editar | editar a fonte]Andrews foi considerado un dos grandes heroes do naufraxio do Titanic dende que os primeiros relatos sobre o desastre comezaron a aparecer. O equipo do North Down Cricket Club entrou de luto poucos días após a confirmación de que Andrews desaparecera no naufraxio. Os xogadores reuníronse na sede do club o 20 de abril de 1912 para escribir unha carta de condolencias ao pai de Andrews.[18] Aínda en 1912, o escritor Shan Bullock publicou unha biografía do enxeñeiro chamada Thomas Andrews Shipbuilder. O libro actualmente está no dominio público.[19]
A familia Andrews decidiu construír un memorial para Thomas en Comber, a súa cidade natal. A construción comezou en 1914 e foi financiada en parte grazas a doazóns dos traballadores de Harland and Wolff. O Thomas Andrews Memorial Hall foi inaugurado nun evento en febreiro de 1915 coa presenza de Helen e Elizabeth Andrews, realizando a primeira delas un discurso de agradecemento. Hoxe o Memorial Hall transformouse nunha escola primaria. Outro memorial foi inaugurado anos máis tarde o 26 de xuño de 1920, na cidade de Belfast. Foi erixido en homenaxe ás 22 persoas de Belfast que morreron no naufraxio do Titanic, así como Andrews e os outros membros do grupo de garantía que o acompañaban. O memorial foi transferido en 1959 aos xardíns da casa do concello.[20]
Cinema
[editar | editar a fonte]Thomas Andrews apareceu nalgúns filmes sobre o naufraxio do Titanic. Porén, el estivo ausente nas primeiras obras, como os filmes alemáns In Nacht und Eis de 1912 e Titanic de 1943, e o estadounidense Titanic de 1953. A súa primeira aparición foi en A Night to Remember de 1958, onde foi interpretado polo actor Michael Goodliffe.[21] O filme foi unha adaptación do libro homónimo escrito por Walter Lord e ten varias pasaxes fieis á realidade, como Andrews animando repetidas veces aos pasaxeiros para que embarquen nos botes.[22] No telefilme S.O.S. Titanic de 1979, Andrews foi interpretado por Geoffrey Whitehead.[21] O filme amosa ao enxeñeiro conversando calmadamente cos pasaxeiros e tripulantes, ademais de axudar na evacuación do buque.[23]
O personaxe de Andrews aparece de maneira destacada no filme Titanic de 1997, no cal foi interpretado por Victor Garber.[21] O enxeñeiro aparece por primeira vez comendo xunto con outros personaxes, entre eles Ismay, con quen conversa sobre os méritos da construción do buque. Andrews xanta na mesma mesa dos personaxes principais e tamén realiza un tour polo Titanic, informando á protagonista Rose DeWitt Bukater que non hai botes salvavidas para todos a bordo por motivos estéticos, porén dille que o navío é totalmente seguro. Durante a escena da colisión co iceberg Andrews é visto traballando e sentindo o tremor do impacto, sendo tamén amosado contando aos oficiais o destino do Titanic. Andrews durante o naufraxio é amosado buscando e animando aos pasaxeiros a embarcaren nos botes, criticando ao segundo oficial Charles Lightoller por arrialos sen a capacidade completa. El é visto por última vez na sala de fumadores de primeira clase, mirando a pintura Arrival at Plymouth Harbour e axustando un reloxo. Andrews atópase con Rose e descúlpase porque o barco non foi suficientemente resistente.[24]
Notas
[editar | editar a fonte]- ↑ 1,0 1,1 "Mr Thomas Andrews Jr". Encyclopedia Titanica.
- ↑ Marre, Jean-Philippe (2008). Thomas Andrews: Architecte du Titanic (en francés).
- ↑ 3,0 3,1 "Le Groupe de Garantie du Titanic". Le Site du Titanic. Archived from the original on 04 de marzo de 2016. Consultado o 30 de marzo de 2024.
- ↑ 4,0 4,1 "Chapter I.: The Andrews Family of Comber". Library Ireland. Consultado o 30 de marzo de 2024.
- ↑ "Andrews Linen". Consultado o 30 de marzo de 2024.
- ↑ "The Andrews Family". North Down Cricket Club. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2020. Consultado o 15 de abril de 2024.
- ↑ Thomas Andrews. www.belfast-titanic.com. Consultado o 20 de abril de 2024.
- ↑ "Chapter II.: His Apprenticeship at Harland and Wolff". Library Ireland. Consultado o 6 de abril de 2024.
- ↑ 9,0 9,1 "Chapter III.: Ships designed by Thomas Andrews". Thomas Andrews Shipbuilder. Library Ireland. Consultado o 20 de abril de 2024.
- ↑ "Suevic". The Great Ocean Liners. Arquivado dende o orixinal o 10-10-2009. Consultado o 19 de abril de 2024.
- ↑ Chirnside 2004, p. 11
- ↑ Chirnside 2004, p. 163
- ↑ Lord 1955, p. 113
- ↑ Chirnside 2004, p. 177
- ↑ 15,0 15,1 15,2 "Helen Reilly Barbour Andrews Harland". Find a Grave. Consultado o 30 de marzo de 2024.
- ↑ "Appendix: Cables an Letters received by the Andrews Family on the loss of the Titanic". Library Ireland. Consultado o 30 de marzo de 2024.
- ↑ "Elizabeth Law-Barbour "Elba" Andrews". Find a Grave. Consultado o 30 de marzo de 2024.
- ↑ "Titanic". North Down Cricket Club. Arquivado dende o orixinal o 17 de febreiro de 2020. Consultado o 6 de abril de 2024.
- ↑ "Thomas Andrews Shipbuilder". Library Ireland. Consultado o 6 de abril de 2024.
- ↑ "Les Mémoriaux". Le Site du Titanic. Consultado o 6 de abril de 2024.
- ↑ 21,0 21,1 21,2 "Thomas Andrews (character)". Internet Movie Database. Consultado o 7 de abril de 2024.
- ↑ Baker, Roy Ward (director). A Night to Remember. Reino Unido: The Rank Organisation, 1958.
- ↑ Hale, William (director). S.O.S. Titanic. Reino Unido & Estados Unidos: EMI Films, 1979.
- ↑ Cameron, James (director). Titanic. Estados Unidos: Paramount Pictures & 20th Century Fox, 1997.
Véxase tamén
[editar | editar a fonte]Outros artigos
[editar | editar a fonte]Bibliografía
[editar | editar a fonte]- Chirnside, Mark (2004). The 'Olympic' Class Ships: Olympic, Titanic & Britannic. Stroud: Tempus. ISBN 0-7524-2868-3.
- Lord, Walter (1955). A Night to Remember. Nova York: Henry Holt and Company. ISBN 0-03-027615-2.
Ligazóns externas
[editar | editar a fonte]Wikimedia Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Thomas Andrews |
A Galipedia ten un portal sobre: Irlanda |